Parque central (Mitin das Arengas)
4 de 14

Parque central (Mitin das Arengas)

Espazo biográfico


Anunciado como o “orixinal mitin das arengas”, o 31 de decembro de 1939, véspera da elección o primeiro domingo do ano, que coincide co 1º de xaneiro, desde as 8 da noite lévase a cabo o peche da campaña electoral do Centro Galego, promovida polo partido esquerdista e democrático Hermandad Gallega.

En todo el parque central serán colocados potentes altavoces y desde el magnavoz de Radio Salas, colocado en el interior de los lados de Payret, dirigirán la palabra a la multitud, durante cinco minutos cada uno (...). En total veinticinco oradores, a cinco minutos cada. (...) como es natural, el acto ha despertado una gran exptectación. (Hoy, 30-12-1938)



O Parque Central resulta un lugar estratéxico, situado no lateral do teatro Payret, sede de Hermandad Gallega e, sobre todo, fronte ao Centro Galego.



Alí falaron para unha multitude de galegos membros do Centro Galego, pero non só, Castelao, Soto e Álvarez Gallego, os candidatos á xunta de apoderados: José Vilariño Roca (presidente), Francisco Almoina (vicepresidente), amais de Antonio Amil, Manuel Millares Vázquez e Rafael Rodríguez. Tamén participaron Amado Blanco e Suárez Solís, que xa o acompañaran na inauguración da exposición de caricaturas; entre os cubanos salientamos a Salvador García Aguero e Juan Marinello.



Parque Central é un dos lugares máis emblemáticos e céntricos da Habana, preferido polos propios e foráneos desde a súa inauguración en 1877, tras o derrubamento das murallas tradicionais e a creación do ensanche. Tras a independencia, en 1899 foi retirada a estatua da raíña Isabel II, símbolo do colonialismo español. Para decidir que estatua nova se colocaría, o xornal El Fígaro convocou un concurso para elixila. Esta é a primeira escultura de José Martí que había de erixirse en lugar público, a cal foi encargada a José Villalta de Saavedra. Outras curiosidades son os oito testos en forma de ataúde na honra dos estudantes de Medicina fusilados polo Goberno español o 27 de novembro de 1871, ou as 28 palmas reais como símbolo casual do natalicio de Martí.

Hoxe en día tamén é ben coñecido pola súa “esquina caliente”, onde se reúnen espontaneamente fanáticos do béisbol, a berraren e berraren xogadas, lances e medias da “pelota”, como popularmente se lle chama a ese deporte.