Institución Hispano Cubana de Cultura
Espazo biográficoEn pleno Paseo del Prado, entre as rúas Zulueta, San Rafael, Monserrate e
Neptuno, facendo linde co Parque Central, atopamos hoxe o Gran Hotel 5 estrelas
plus “Manzana Kempinsky”, reinaugurado en 2017 tras a restauración completa dun
emblemático edificio que ocupa a “manzana” enteira, de onde recibe o seu nome. Foi
creado en 1917 polo empresario Andrés Gómez Mena, dono de importantes centrais
e negocios, co innovador concepto de centro comercial, o meirande da Habana por
moito tempo. Comezou tendo unha planta, con soportais e tendas independentes,
esquinas en chafrán e dúas galerías internas transitables que atravesan o
edificio transversalmente. Axiña lle engadiron 4 plantas, con máis de 500
cubículos, que albergaban oficinas, despachos e bufetes, academias e mesmo institucións
e embaixadas.
Nunha destas oficinas tan céntrica e moderna tiña a sede a Institución
Hispano-Cubana de Cultura, presidida polo ilustre doutor Fernando Ortiz,
antropólogo, folclorista e un dos intelectuais máis recoñecidos de Cuba.
A Institución Hispano-Cubana de Cultura naceu ao abeiro da Sociedade
Económica de Amigos do País en 1926, como asociación independente, co fin de intensificar
as relacións culturais entre Cuba e España, a través do intercambio de intelectuais,
artistas e científicos, mediante cátedras de estudo e bolsas a estudantes
destacados. Mantíñase con socios de entre o máis elevado da intelectualidade
cubana e converteuse no espazo máis relevante do facer cultural no país. Estaba
dividida por seccións de conferencias, música, arte, propaganda, adhesións e
recursos económicos, con filiais noutras cidades. Desapareceu en 1947 por mor
de disensións provocadas pola situación política do país tras a fin da II
Guerra Mundial.
Aínda que Castelao vén invitado oficialmente pola Casa da Cultura, colabora
coa Institución en varias ocasións, entre as que salientamos a conferencia que
lle encargou para o do 8 de xaneiro sobre “Valle Inclán e Galicia” no teatro Fausto. Un extracto desta conferencia
aparece na revista Ultra
(1936-1946).