Casa da Cultura (Xerardo Álvarez Gallego)
6 de 14

Casa da Cultura (Xerardo Álvarez Gallego)

Espazo biográfico, Edificio singular

A Casa da Cultura e Asistencia Social xorde a primeiros de 1938 da reunificación de sociedades republicanas que xa existían en Cuba: Círculo Español Socialista, Izquierda Republicana e Círculo Republicano, ilegalizadas por Batista cando estalou a guerra civil, xunta as de corte falanxista. Tiña filiais no país todo e realizaba maioritariamente actividades de apoio ao Goberno lexítimo da República. O seu obxectivo “persegue a axuda á España mártir (...) para defender a causa da xustiza e a democracia”.

Instálase nun fermoso edificio neoclásico no máis céntrico do Paseo do Prado, nos altos do número 210 do Paseo de Martí (hoxe Paseo do Prado), entre Colón e Trocadero, construído contra finais do XIX e que pertencía, xunta outros máis, á vilaclareña dona Marta Abreu y Arencibia, da alta aristocrática crioula, considerada como benfeitora, polas grandes obras que promoveu na súa cidade, e como patriota, polas súas achegas nas loitas independentistas. Hoxe en día, a Universidad Central de Las Villas leva o seu nome. Contra 1915 readáptase o edificio nun biplanta, mantense vivenda na superior e convértense os baixos no cine teatro Prado, máis coñecido como cine Margot, un dos máis populares da zona. Para o tempo en que a Casa da Cultura e Asistencia Social se traslada aos altos, este edificio seguía sendo propiedade dos descendentes da familia e o cine aínda foi modernizado en 1947 e mantívose aberto até fins dos 50. Tras anos de desleixo, na actualidade pertence ao Instituto Cubano da Arte e Industria Cinematográficas, que o mantén como estudo de gravación.

Desde a chegada de Castelao, Virxinia e Soto, invitados pola Casa da Cultura, tanto o presidente, Pedro Cavia, coma os outros representantes da Casa fan cumprido acompañamento no apertado programa que se lles propón aos invitados.

A mediados de decembro xa se viña anunciando que serían “expostas formidables obras do grande artista que soubo conmover ao pobo de Cuba coa súa elocuente palabra”. Despois de varios cambios de data, por mor doutros compromisos, anúnciase para o 17 de decembro, ás 8.30 da tarde, a “EXPOSICIÓN CASTELAO”, no salón central da “Casa da Cultura”. Presentan o acto o embaixador de España en Washington, don Fernando de los Ríos, e o doutor Fernando Ortiz, polos intelectuais cubanos; en representación da Casa, o escritor asturiano Luis Amado Blanco.

Os debuxos xa enmarcados chegaran en barco desde Nova York, onde xa foran expostos; abranguen as 49 copias das caricaturas do álbum Nós (1931) e as tres carpetas de Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1938) e Milicianos (1939). Durante o mes que están expostas realízanse alí catro conferencias, que se reproducen tamén na prensa, como a de Rafael Suárez Solís sobre “Castelao, el estoico” ou a de Luís Soto “Castelao, artista al servicio del pueblo”. Por eses días, a xornalista canaria Mercedes Pintos escribe:

Hablar de la obra de Castelao […] es flagelar con mano de milagro; es decir con el lápiz lo que no aciertan a decir las palabras. (Mercedes Pinto, Hoy, 11-01-1939)

Suponse que frecuentan decote estes locais, dada a proximidade co hotel Royal Palm, onde se hospedan, e mesmo teñen tempo de asistir ao seu I Congreso Nacional, o 25 de febreiro de 1939, no que ademais lles outorgaron a Castelao e Soto os títulos de socios de honra e unha emotiva homenaxe. Dous días antes de retornar a Nova York:

Mi título de asociado de la “Casa de la Cultura” me vincula a una institución que nació al amparo generoso de la sagrada causa de la lealtad española. Desde donde esté la disciplina de la Casa de la Cultura me obligará también a mí y en todo momento me obligará con las ansias, las victorias y las luchas de una institución en la que me siento, fuera de España, como en mi propia Patria. No os digo adiós porque no me alejo de vosotros. ¡Hasta siempre, hermanos! (Castelao, Habana, 25-02-1939)