Cine-teatro Fausto (Conferencia "Galicia e Valle Inclán")
Espazo biográficoO domingo 8 de xaneiro, ás 9 da mañá, no
teatro Fausto, reúnese un público selecto de intelectuais para escoitar a
Castelao disertar sobre “Galicia e Valle Inclán”, baixo o auspicio da Institución Hispano-Cubana de Cultura. Así o deixa
apuntado esa noite no seu diario a tradutora Zenobia Camprubí, muller do poeta
Juan Ramón Jiménez, exiliados en Cuba desde o comezo da guerra:
Domingo 8 de enero. Pasé la mañana con Mrs. Blowers en el
Cine Fausto oyendo a Castelao leer su conferencia sobre Valle Inclán, que era
mayormente sobre Galicia. Leyó despacio, claro y con mucha emoción. Sin
afectación. Me gustó mucho. [Zenobia Camprubí: Diario. 1. Cuba (1937-1939)]
Mesmo chegan a coincidir con Castelao e
Virxinia un par de días despois na casa do matrimonio asturiano, tamén exiliados,
Luis Amado Blanco e Isabel, moi activos na causa republicana.
O teatro Fausto que coñece Castelao e
que chega até a actualidade está radicado no número 201 do céntrico Paseo do
Prado, esquina Colón, continuidade doutro Fausto da década dos vinte. Constitúe
un moderno deseño de estilo déco de Saturnino Parajón, inaugurado o 24 de
decembro do ano anterior e que mesmo haberá de recibir a Medalla de Ouro do
Colexio de Arquitectura da Habana en 1941. Con capacidade para 1640 butacas,
viña a substituír o edificio anterior e, aínda que se integraba ao resto dos
edificios da contorna, polo seu corredor de soportais, contaba coa tecnoloxía construtiva e industrial máis
avanzada da época, como acústica perfecta, escenario móbil e o primeiro con
aire acondicionado; a fachada estaba iluminada con atraentes xogos de luces de
neon e servía o mesmo como teatro que como cine.
Despois do triunfo da Revolución continuou
funcionando como cine e teatro, até que a súa deterioración obrigou a pechalo
xa no século XXI. Na actualidade, agarda polo investimento e restauración que
lle devolva as súas luces e esplendor.