Hotel Royal Palm (Estadía)
8 de 14

Hotel Royal Palm (Estadía)

Espazo biográfico


Recibidos con flores e discursos no aeroporto, son hospedados no moderno e céntrico hotel Royal Palm, na esquina de San Rafael e Industria, nun fermoso e ventilado cuarto con baño, co balcón á rúa Industria, ben preto do Paseo de Martí, do Centro Galego e da sede da Casa da Cultura, os seus anfitrións. Aquí acababa de hospedarse tamén Basilio Álvarez, o eminente agrarista, durante a súa estadía na illa entre marzo e outubro do mesmo ano. Apenas o tempo de deixar as cousas e marchar en autobús ao outro cabo da illa, a un mitin xa preparado en Santiago de Cuba e una xira de mitins e conferencias da que Castelao non regresa até o xoves 23 de novembro.

Al llegar a la Habana he sentido una profunda emoción, pues solamente esperaba que hubiese unos cuantos en los muelles. (Castelao, Pueblo, 11-11-1938)

O Royal Palm foi deseñado polo arquitecto cubano Horacio Navarrete en 1926 para o influente industrial azucreiro e construtor Luis del Valle, aínda que axiña foi adquirido polo empresario hostaleiro leonés Pascual Morán Pérez, republicano vinculado á Casa da Cultura. A instalación tiña nove alturas, onde se distribuían 200 cuartos con baño privado e auga quente, mais un restaurante-miradoiro no décimo andar, con dous modernos ascensores. O baixo comparte a recepción con tendas, aproveitando a súa excelente localización na zona comercial.

A principios da década dos 60 o hotel foi intervido polo Goberno revolucionario e deixou de funcionar como tal, convertido en vivendas familiares. Co tempo e a falta de mantemento o edificio foi deteriorándose e sufrindo descoidadas reformas estruturais e, malia que acaba de ser restaurado coa axuda da Deputación de Sevilla, perdeu incomprensiblemente o mosaico identificador da súa entrada.