Club Atenas (Sociedades de color)
Espazo biográficoO Club Atenas non era a primeira
sociedade de color creada en Cuba, pero si a máis prestixiosa, exclusiva e
elitista de todas. Naceu en setembro de 1917, cunha base de máis de 80 socios, negros
e mulatos, como unha asociación
de cultura, recreo e instrución, os mesmos valores que impulsaran a creación do
Centro Galego. Entre os seus obxectivos primaba a loita pola igualdade de
oportunidades para todos os cidadáns, en contra de calquera actitude
discriminatoria por concepto de raza.
Os seus socios maiormente desenvolvían profesións
liberais, como avogados, médicos, enxeñeiros, xornalistas, profesores, mais
tamén militares e empregados públicos, pertencentes a unha pequena e mediana
burguesía negra. Tiñan como presidente de honra ao político e patriota das
guerras independentistas Juan Gualberto Gómez e connotados intelectuais como
Nicolás Guillén, que chegaría a ser poeta nacional. Inclúese a excepcional
presenza do doutor Fernando Ortiz (branco), prestixioso etnólogo que presidía dentro
do club a Sociedade de Estudos Afrocubanos e impartía numerosas conferencias.
Tivo varias sedes até que en 1925, no tempo de Gerardo Machado, este lles
cedeu un soar nos terreos da antiga Muralla, na esquina de Ignacio Agramonte
(hoxe Zulueta) e Apodaca, e cincuenta mil pesos para construíren un edificio social
axeitado á súa posición na sociedade. Ficou inaugurado en maio de 1929 cunha
recepción con baile de gala para os socios á que asistiu o mesmo presidente da
República.
Ademais do seu labor a prol da igualdade racial, organizaban veladas,
bailes, conferencias, actos culturais, homenaxes. Así aconteceu coa visita que
realizou Castelao ás súas instalacións, precedido pola postura que o
intelectual galego mantiña fronte á situación dos negros en América e que xa
viña defendendo desde a súa estadía en Nova York. De feito, neses días
entrevistouse tamén con outras dúas sociedades de color: a Unión Fraternal, radicada
en Revillagigedo, e o 9 de xaneiro a Federación de Sociedades de Color da Víbora,
onde lle tributaron unha cariñosa homenaxe, chea de confraternización, na que,
xunta a Soto, lles fixeron entrega dunha bandeira cubana e dun diploma de
acreditación de membros de honra. Da influencia das comunidades negras no
pensamento e obra de Castelao dá boa conta a serie de “Debuxos de negros” que
realizou durante esta viaxe.
En Cuba chegou a haber máis de 200 sociedades de color pero, coa chegada da
Revolución, as máis clasistas, incluída o Club Atenas, foron acusadas de
colaborar co réxime de Batista e de seren atrasadas, segregacionistas e incongruentes
coa nova sociedade, e mesmo machistas. Como resultado de todos estes elementos,
o Goberno Provincial Revolucionario decidiu intervilas e que o edificio todo
pasase á Dirección Nacional de Círculos Infantís. Desde entón e até o presente,
radica aquí o Círculo Infantil «Semillas de América».