Diario Pueblo (Visita na redacción)
Espazo biográficoOutro dos
xornais que maior seguimento fixeron da aventura cubana de Castelao foi Pueblo, creado en
maio de 1937 polo prestixioso xornalista catalán emigrado en Cuba de novo
Lorenzo Frau Marsal. Este xornal mantiña posturas moi próximas ao Partido
Comunista de Cuba, defendía o Goberno legal da República española e o bando democrático
durante a II Guerra Mundial. Radicaba a redacción na Habana Vieja, en Corrales
nº 102. Tiña unha periodicidade diaria, con dúas edicións, un custo de 2
centavos e unha notable tiraxe de alcance nacional.
Frau Marsal,
nacido en Igualada (Barcelona) en 1886, veu de rapaz a Cuba, onde chegou a doutorarse
en Dereito, aínda que dende cedo exerceu como xornalista para diferentes
revistas e diarios, incluído o Diario de
la Marina, o decano da prensa cubana creado polo vigués Isidoro Araújo de
Lira. Tras varios anos en Madrid enviando crónicas para diferentes medios,
regresa a Cuba e axiña crea o seu propio xornal, de marcada tendencia
esquerdista. Casado coa filla de galegos Lucy Rodríguez García, a súa relación
coa comunidade galega era moi estreita.
Grazas ao
seguimento constante e profuso da viaxe de Castelao e Soto no xornal Pueblo, podemos hoxe recadar unha
valiosísima información para a nosa historia. Entre esas noticias, salientamos
a foto que aparece o 5 de decembro con este pé, onde se constata a visita de
ambos os dous galegos á redacción do xornal:
Alfonso R. Castelao y Luis
Soto, dos de las figuras principales que tomaron parte en el acto celebrado en
la tarde de ayer en el Stadium de Puentes Grandes, un homenaje más a la heroica
España leal, aparecen en la foto, acompañados del señor Manuel Campos, de la
Casa de la Cultura y Asistencia Social, cuando visitaban la redacción de
Pueblo. Los cumplimentó, nuestro director el doctor Lorenzo Frau Marsal, que
también aparece en la foto. (Pueblo, 5-12-1938)