Gran Loxia Masónica
11 de 14

Gran Loxia Masónica

Espazo biográfico

En Cuba existe aínda hoxe unha arraigada tradición masónica. A primeira loxa, o Templo Virtudes Teologales, estableceuse na Habana en 1804 e a mediados do século xa existe rivalidade entre a Gran Loxa de Colón de Occidente, moi conservadora e apegada aos postulados colonialistas, e as loxas do Grande Oriente, verdadeira escola política e patriótica de moitos independentistas, que promoveron a Revolución do 68 e a Guerra dos Dez Anos. De entre os pais da patria podemos citar os mestres masóns Carlos Manuel de Céspedes, o Titán de Bronce Antonio Maceo, o primeiro presidente Estrada Palma e sobre todo, o máis universal dos cubanos, o ilustre masón José Martí:

Con ser hombre traemos a la vida el principio de la libertad; y con ser inteligente tenemos el deber de realizarla. (José Martí, Cartas)

Mesmo os símbolos patrios cubanos se deben á masonaría: a estrela solitaria da bandeira e a palma real do escudo; podería dicirse que foi a institución que máis elementos achegou á independencia de Cuba. Mais tamén é a responsable da forte inxerencia dos Estados Unidos, a través desa relación de irmandade masónica, que chega aos presidentes de Estado, e que lles supón crecente influencia política e económica. Son as loxas de Washington e Nova York as que financian a compra do gran templo da loxa na Habana, en 1908. Neste edificio de dúas plantas, rodeado de grandes arcadas, na céntrica esquina de Carlos III e Belascoain, é onde o 10 de decembro de 1938 fala o representante da República española, Castelao.

El gran Castelao, alma y vida de Galicia, arteria por la que circula la sangre de tantos mártires. (González Naredo, Hoy, 10-12-1938)

Co gallo da Asemblea Magna da Asociación de Axuda ao Pobo Español, onde ían tomar posesión da nova directiva prestixiosos membros da sociedade cubana, entre eles o Gran Mestre da Loxa, realizaron un acto de reafirmación democrática das forzas progresistas. Entre os oradores estaban a xornalista e escritora canaria Mercedes Pinto e Luís Soto, e rematou o acto coas palabras de Castelao. A cerimonia levouse a cabo no salón Benito Juárez da respectada institución, o sábado 10, ás 9 da noite. Quedan desta visita unha foto publicada no xornal Hoy e un autógrafo no libro azul de visitas da Loxa:

¡Viva la democracia¡ Castelao.

O Gran Templo Nacional Masónico que se conserva na actualidade foi erixido en 1950 coas doazóns dos socios, no mesmo predio que a primeira sede. A moderna edificación de 11 plantas sobresae polos símbolos externos: unha grande esfera terrestre de 36 metros que xira sobre un eixe, no seu momento o meirande de América, sobre ela o compás da masonaría, na fachada un enorme reloxo dourado cos símbolos do zodíaco, e o planisferio do mundo na parede lateral. Posúe tamén un museo masónico e a gran biblioteca. Até 1960 albergou a Universidad Nacional Masónica José Martí. Hoxe comparte sede coa empresa de telecomunicacións Etecsa, pero manteñen os salóns, as instalacións e os servizos.