Universidad de la Habana. Anfiteatro Enrique José Varona
Espazo biográficoPospusieron
la charla de A. Castelao. Esta se celebrará mañana, a las 11 am en la
Universidad Nacional. (Pueblo, 16-12-38).
En efecto, varias das actividades deben ser reaxustadas, entre elas a conferencia
na Universidade, que estaba anunciada para o 16 e adiouse para o sábado 17, ás
once da mañá, no recinto da Universidade. Castelao recibe a invitación do
profesor de Dereito Político Juan Clemente Zamora López-Silveiro e decide
presentar a conferencia “El federalismo español”. Esa mesma noite por fin se
inauguran os debuxos e estampas de Castelao na Casa da Cultura.
Dous días despois, o 19 de decembro, aparece na prensa o seu nome ligado a
unha extensa homenaxe no anfiteatro José Enrique Varona da Universidad de La
Habana que a Unión de Escritores dedica a Pablo de la Torriente Brau
(1901-1936), coñecido xornalista e escritor cubano, co gallo do segundo ano do
seu pasamento na fronte de Majadahonda, mentres combatía na Guerra Civil
española, onde acababa de chegar como correspondente de guerra para varios
xornais americanos. Ao acto asistiron intelectuais de moito renome, como Juan
Marinello, José Antonio Portuondo, Fernando de los Ríos e os galegos Luís Soto
e Castelao.
A Universidad de La Habana foi fundada en 1728 como Real y Pontificia
Universidad de San Gerónimo de La Habana, baixo o mando dos dominicos; en 1842
pasa ás mans civís do goberno colonial de España como Real Universidad de La
Habana, nome que se transforma en Universidad Nacional cando se independiza a
Illa en 1898. En maio de 1902, comeza o traslado á Loma da Pirotecnia ou Colina
de Aróstegui, no barrio do Vedado, hoxe coñecida como Colina Universitaria, coa
construción de novos edificios e adaptación doutros alí existentes para os seus
fins académicos. Entre eles está o anfiteatro Enrique José Varona, dedicado á
figura do insigne catedrático da Universidad de La Habana. Outro dos monumentos
da cidade constitúeo a elevada escalinata de entrada que culmina na sedente
figura feminina da alma máter, emblema da Universidade. Entre a súa oferta
académica destacamos aquí a presenza da Cátedra de Cultura Galega “Xosé Neira
Vilas”, desde 1992, que promove docencia de lingua, literatura e cultura galega
como materias electivas e optativas.