Estadio La Polar (O gran acto de Castelao)
13 de 14

Estadio La Polar (O gran acto de Castelao)

Espazo biográfico

Tras dúas semanas de xira con éxito pola illa, dando discursos e recadando apoios e bens para a causa republicana, retorna á Habana para asistir ao que ha de ser o mitin máis multitudinario en moito tempo. A prensa afín non para de anunciar o “Gran acto Castelao”, para o domingo 4 de decembro, ás 2.30 da tarde, no “Campo Cerveza La Polar”, organizado pola Casa da Cultura e patrocinado pola Embaixada de España, a beneficio do heroico pobo español. Xunta o “xenial caricaturista galego” interveñen dous embaixadores da República española: Fernando de los Ríos, desde Whashinton, e Félix Gordón Ordás, desde México, amais de Luís Soto e o propio Xerardo Álvarez Gallego.

Más de treinta mil personas se reunieron en el Stadium para rendir Homenaje a España. (...) Vibrantes discursos del embajador Gordón Ordás y del ilustre pintor Castelao. (Pueblo, 05-12-1938)

Días despois aínda quedan ecos do magno encontro e reprodúcense os discursos íntegros na prensa así como reaccións internacionais. Neira Vilas, pai do mellor estudo sobre esta viaxe, afirma que el aínda coñecera xente que lembraba o feito e que ficaba unha “imaxe entrañable”:

Unha fotografía de gran tamaño na que se ve a Castelao dirixíndose á multitude. Estivo máis de corenta anos encolgada nos salóns de “La Polar”. Recentemente pasou ao Instituto de Historia do Comité Central do PCC. (Neira Vilas, Castelao en Cuba, 1983)

Desde 1911, no barrio de Puentes Grandes, Marianao, entre o río Almendares e o regato Mordazo, afíncase a fábrica de cervexa Polar, da Compañía Cervecera Internacional. S.A., creada por Jesús Rodríguez Bautista e pertencente á familia cubano-catalá de Emeterio Zorrilla, con longa traxectoria empresarial. Comercializaba cervexa, malte Trimalta e xeo. Era a segunda máis importante en Cuba, con 500 empregados, preferida polas clases máis populares. Seguindo o modelo da Tropical, a súa competidora, crearon xardíns, merendeiros e, sobre todo, un campo de fútbol para promover o consumo e atraer os cubanos ás súas instalacións, onde o tiro era máis económico. Tiña como lema: La cerveza del pueblo. Y el pueblo no se equivoca.

Coa Revolución do 59, a fábrica nacionalízase e os propietarios trasládanse a Venezuela, onde continúan coa marca. A fábrica foi esmorecendo aos poucos e hoxe está pechada e en descomposición. A única zona restaurada é o terreo do campo de fútbol, sede da selección nacional de fútbol de Cuba e anfitrioa dos partidos internacionais.