Xardíns da Polar (xantar enxebre)
Espazo biográficoDous días despois do soado ACTO DE CASTELAO, o 6 de
decembro, a comunidade galega na diáspora, aglutinada arredor de Hermandad
Gallega, ofrécelles unha homenaxe a Castelao, Virxinia e Soto, como un acto de
“afirmación galeguista”. Asisten a este xantar
enxebre máis de 3000 persoas -segundo os xornais-, ás que se dirixen afervoados
o presidente do partido organizador, Álvarez Gallego, o sindicalista Luís Soto
e pechan o brinde as palabras galegas de Castelao:
Irmáns todos na sorte e na disgracia. (El País, 7-12-1938, p. 10)
Participan tamén os xornalistas galegos Manuel Millares
Vázquez, que concorría pola listaxe da agrupación ás eleccións do Centro Galego,
e Ángel Lázaro, poeta e dramaturgo, exiliado na illa desde o comezo da guerra, así
como personalidades e amigos representantes doutras institucións peninsulares. Amais
de discursos, soan himnos, gaitas, cántigas e aturuxos que fan revivir tempos
de paz e bonanza e esperanzados desexos de paz e triunfo democrático.
De novo escóllense as instalacións da cervexaría Polar,
nalgún dos luxosos salóns que adornan os seus enormes xardíns e que adoitan
servir para vodas, festas, xantares e homenaxes, e moitas das xiras e romarías das sociedades galegas.
Os xardíns da Polar eran tan famosos como os da cervexaría Tropical (1908), situábanse
arredor da fábrica, á beira do río Almendares, a seguir do bosque da Habana; estaban
o “Merendero Criollo”, a “Terraza China” e o “Patio Sevillano”, adobiados
segundo o seu nome; completábanse cun parque de atraccións infantís, unha
pérgola renacentista e até a primeira pista de atletismo para a mocidade.
Na actualidade, estes xardíns da Polar e a fábrica toda están
practicamente desaparecidos, entre a maleza vizosa, os edificios ruinosos, un
vertedoiro incontrolado e mesmo un campamento ilegal levantado sobre as vellas
pérgolas e as pontes chinesas; apenas fica entre algún paseante da zona a lembranza
daqueles anos dourados, das festas, dos encontros, da cervexa fresca e barata.
Oxalá algún día poida regresar o glamour
dos xardíns da Polar.