Forno dos Mouros
1 de 10

Forno dos Mouros

Espazo arqueolóxico

O máis emblemático monumento megalítico da serra do Bocelo é o dolmen do Forno dos Mouros, enclavado no medio dunha necrópole megalítica máis ampla e ao carón dun camiño real. É unha paisaxe que mudou pouco en moitos centos de anos. O monumento está datado no IV milenio antes de Cristo e en 2009 foi obxecto dunha importante restauración e consolidación, na que se taparon as valiosas pinturas do seu interior para preservalas para o futuro.

Os investigadores do SEG chegaron ata aquí nun tempo en que as comunicacións eran complexas. Os seus traballos no dolmen do Forno dos Mouros ilustran o relevante que era para eles non só a documentación arqueolóxica do lugar, senón tamén a recollida do folclore do xacemento, pois tamén se interesaban pola parte humana e antropolóxica dos xacementos. O seu traballo de localización de sitios arqueolóxicos non sería posible sen o contacto cos labregos e labregas que os guiaron ata eles.