Pena Moura
2 de 10

Pena Moura

Espazo etnográfico

Este auténtico monumento granítico natural de 11 metros de altura, situado a 600 metros do Forno dos Mouros, funciona como referencia mítica na paisaxe e nel aínda hoxe se practican ritos.

O que coñecemos das lendas da Pena Moura no pasado procede da colaboración entre Vicente Risco e o crego local Amador Rodríguez. Foron publicadas no capítulo "Folklore de Melide" do estudo <i>Terra de Melide</i> tal e como as recolleron eles e as deixaron transcritas. Respectouse a ortografía orixinal.

<i>"Ten esta pena moita nombradía en toda a bisbarra do Bocelo, non soio pol-a sua manitude, pois asegún os paisanos non-a hai maor en toda España, senón tamén pol-a fartura d´ouro que garda nas entranas.

Non nacéu a pena alí, senón qu´a trouxo unha vella na cabeza, e a vella viña ó mesmo tempo fiando. (O qual cóntase de moitismos penedos redondos da nosa terra). Mais esta debía pesar moito, pois a vella, cand´a deixou, dixo:

—Vaite, pena, qu´inda pesas ben; inda veña un raio que te parta!

E n-aquil mesmo instante, baixóu un raio do ceo e tiroulle á pena un anaco qu´ainda hoxe se pode ver á carón mesmo d´ela.

Esta pena foi encantada c´unha caldeira de cobre chea d´ouro, un adibal de seda e un bastón. Enrolaron o adibal na caldeira, e facendo tres cruces sobor d´ela, co bastón, dixeron:

—O que d´aquí te desencantare, tres paus co iste bastón che ha de dare!

Mais non ben dixeron isto, o adibal volveuse un culebrón feísmo, que fuxeu para o fondo da terra coa caldeira. Agora, pra desencantala, hai que buscal-o bastón e mais o libro de San Cibrao, que sei qu´o tiña un crego do lado das Corredoiras.

Variante da coñecida lenda do adibal trocado en serpe.

Os montañeses traballaron moito pra desenterrar o tesouro, e algunhas noites téñenas pasado en craro, sudando pra non atopar máis que desilusiós.

Contan que s´atopóu unha pel de boi (tamén cousa repetida, e relacioda co becerro d´ouro d´outros lados), chea de cartos, que nadia poido apreixar, e tamén unha ucha acugulada d´ouro, mais coberta c´unha pedra moi grande que non poideron mover.

Un día tamén, chegou un crego perguntando pol-a ditosa pena, que ll´amostróu e ata o acompañou alí un veciño da Amaruxosa. Enchegando á veira d´ela, dixo o crego ó home:

—Mire: vostede ha de facer canto eu faga, mais sen falar nen unha soila verba.

Logo de dicir isto, púxose o crego a ler e a desler n-un libro, e conforme ía lendo, o penedo abríase pouco e pouco ata que s’abréu de todo e deixóu ó descoberto un lindo altar con moi relumantes santos d´ouro. Entón o cura pousou o libro aberto, c´unhas pedriñas nas puntas pra que se non pechase, pois s´isto acontecía, tamén se pechaba a pena, e entrou deica ó altar e colleu un santo. Mais o peisano tivo medo e non quixo seguir ó crego, o qual, ó sair, con moito enoxo contra d´il, tocou sen darse conta ó libro, e o libro cerrouse, e ó cerrarse o libro, tamén se pechou a pena. Mais anínda se nota hoxe a regandixa por onde abreu.

Lenda espricativa, sen dúbida, d´unha fenda da pena, co-a clásica cousa da maravilla subterránea e a non menos clásica da torpeza do aprendiz de bruxo.

Outra vez veu tamén un crego á desencantar o tesouro da pena, e convidóu á dous compadres pra que foran co-il, e os dous ofercéronse ó istante. Mais cando foi a hora do desencanto, soilo apareceu un. Puxéronse o crego e máis o compadre á traballar á beira da pena, mais por moito que fixeron e leu e desleu o crego, nada poideron atopar dos tesouros que buscaban. Entón, por non voltaren bulrados onda ó outro compadre, encheron un saco de cornos de carneiro e leváronllo á casa. Il estaba inda na cama, e cando chegaron lles non fixo moito caso. Mais de que se levantóu, foise ó saco ver o qu’había, e non ben o abríu, víu qu’estaba cheo de cornos, pro non de óso, coma denantes os colleran os outros, senón d’ouro. Entón dixo pra sí:

—Recorcio! Cand’esto me deixan á mín, sabe Dios o qu´iles levan!

E foise á casa do compadre, o qual quedou parvo ao ouvir o miragro que tivera nas maus e que deixara voar. É o caso do ouro trocado en cousa ruín"</i>