Santo Antoniño de Toques
MosteiroO mosteiro de Santo Antoniño de Toques, hoxe
igrexa parroquial de Santa María da Capela, é un mosteiro de grande antigüidade
e importante valor arquitectónico. As primeiras mencións documentais están
asociadas ao rei García de Galicia, no século XI, quen realizou unha importante
doazón a este cenobio, aínda que o mosteiro é probablemente anterior a esa
data. Reúne compoñentes prerrománicos, pero tamén as primeiras mostras da arte
románica en Galicia, un calvario do século XII e uns importantes frescos do
século XV no seu interior.
Cando o mosteiro foi desamortizado, no século
XIX, a auga da fervenza, xa canalizada polos monxes, foi empregada para a
instalación dunha fábrica de cravos e arames que xerou lendas que perduraron no
imaxinario colectivo, como que o santo da igrexa fixo estoupar a fábrica porque
o ruído dos rodicios non permitía escoitar as campás ou que nas noites de
invernía as pantasmas dos operarios da fábrica aínda vagaban pola fraga.
Xesús Carro, Emilio Camps e Xosé Ramón
Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey) encargáronse da catalogación da arquitectura
relixiosa da Terra de Melide, documentando as igrexas e outros monumentos e
dedicando atención especial a este mosteiro.