Casa do Aceiteiro
4 de 10

Casa do Aceiteiro

Espazo biográfico

Situada na encrucillada das estradas da Coruña e de Toques, esta pequena pensión foi o establecemento en que se hospedaron os investigadores do SEG durante a súa estadía en Melide. Nos anos trinta, a Casa do Aceiteiro estaba, como boa parte das casas tradicionais, encalada de branco. Pertencía á familia dos Aceiteiros, destacados comerciantes melidaos que rexentaron tamén o Ultramarinos Aceiteiro. A casa non só ofrecía hospedaxe, senón tamén un servizo de alugueiro de carromatos e cabalos, o cal facilitou os desprazamentos dos membros do Seminario. Descoñecíase en que pensión melidá se hospedaran ata que os investigadores do Museo da Terra de Melide localizaron as últimas administradoras da pensión, dúas irmás xemelgas que con 102 anos lembraban de pequenas aquel grupo.

Como curiosidade, coñecemos algúns dos pratos habituais no menú dos investigadores neses días en Casa do Aceiteira: troita en escabeche, carne asada, bacallau ao forno ou flan caseiro.