Casa do Señorón
2 de 6

Casa do Señorón

Edificio singular

Ano de construción: Década de 1930

Promotor: José García Rodríguez, alcumado O Señorón, emigrou á Arxentina xunto co seu irmán. Cando regresa decide facer en Ourol unha casa similar á que xa posuía no país suramericano. A construción do inmoble corre a cargo de Trasancos de Merille, quen ao parecer a executou a partir dunha fotografía. O seu irmán tamén construirá a súa vivenda moi preto desta.

Estilo arquitectónico: Eclecticismo en clave pintoresca

Características:

Esta casa tamén é coñecida como a Casa das Palmeiras, xa que estas se alzan como elementos fundamentais da composición.

Trátase dun edifico de planta rectangular con dous pisos de altura e unha baixocuberta. A esta sinxela composición engadiuse un corpo frontal que alberga a entrada principal do inmoble. Destacan os elementos orientalistas que se perciben na cuberta deste corpo, formada por tres faldróns, un deles centrado e dende o cal se verten as augas á fachada principal. Tamén sobresae o trazado dos seus beirados, que lembran o teitume dun pagode.

A vivenda constitúe un dos mellores exemplos de arquitectura residencial indiana do municipio de Ourol. O edificio álzase sobre un pedestal e accédese a el a través dunha grande escalinata flanqueada por dous xardíns que albergan dúas palmeiras, cuxo orixe se remonta á época de construción da vivenda e cuxas sementes se trouxeron expresamente de Cuba. A propiedade está rodeada por un muro que se catalogou no seu momento como un dos máis bonitos da zona debido ás flores coloreadas das enredadeiras que colgaban sobre a pedra.

Fontes:

Bores Gamundi, Fernando (coord.) (2000): Casas de indianos, Santiago de Compostela, Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, Xunta de Galicia.

Prieto Prieto, Verónica (2011): Ourol. A nosa historia, Ourol, Concello de Ourol.

Prieto Prieto, Verónica (2015): Ourol. Anacos da nosa historia, Ourol, Concello de Ourol.

Fotografías e vídeos