Escolas de Merille
Edificio singularAno de construción: 1915
Promotor: Vivero y su Comarca
A
sociedade Vivero y su Comarca foi a promotora da construción desta escola de
ensino primario, entre outras moitas da comarca da Mariña. A súa actuación
proinstrutiva deixou unha profunda pegada en Ourol, da cal son testemuño os
numerosos edificios que aínda hoxe se conservan nalgunhas parroquias e que
custodian entre as súas paredes a ilusión dunha xeración por aprender, educarse
e prosperar.
Fundada
en 1910 por un grupo de emigrantes de Viveiro en Cuba, a principal finalidade
da sociedade era a de fomentar a educación e a instrución das novas xeracións
da comarca, con intervencións nos concellos de Muras, Ourol, Río Barba, Xove,
Cervo e Viveiro: «A principal preocupación era a educación; eles pasárono moi
mal na emigración debido aos escasos coñecementos adquiridos e non querían que
os nenos e nenas do seu país sufrisen o que eles sufriron; querían que se
defendesen o mellor posible e para eles a educación era algo fundamental»,
relata Aurora Gato, emigrante de Ourol en Cuba que coñeceu de primeira man o
labor deste organismo naquela illa, xa que o seu irmán colaboraba coa
sociedade.
Características:
Edificio
de forma rectangular e unha soa planta. A súa arquitectura é moi similar á
doutras escolas promovidas pola sociedade habaneira. Na fachada principal
destaca unha inscrición en que se le: «VIVERO Y SU COMARCA - HABANA - 1915».
Dispón de numerosas fiestras remarcadas con pintura, que no interior quedan
resaltadas cun arco de medio punto rebaixado, e dúas portas laterais como
entradas independentes para as dúas aulas, nas que se impartían clases para
nenos e nenas.
A
cuberta do edificio é de lousa, moi típica da zona, de dúas augas asimétricas,
pois tamén servía como tellado do soportal, situado na parte posterior. Nesta
zona existe un amplo terreo que posiblemente fose o campo de recreo.
Fontes:
Bores Gamundi, Fernando (coord.) (2000): Casas de indianos, Santiago de
Compostela, Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, Xunta
de Galicia.
Prieto Prieto, Verónica (2011): Ourol. A nosa historia, Ourol, Concello
de Ourol.
Prieto Prieto, Verónica (2015): Ourol. Anacos da nosa historia,
Ourol, Concello de Ourol.