Antigas escolas Vicente Casavella
5 de 6

Antigas escolas Vicente Casavella

Edificio singular

Ano de construción: Sen datos

Promotor: Vicente Casavella, emigrante de Ourol en Cuba

Ao morrer Vicente Casavella en 1900, deixou estipulado que se legase á parroquia de Ourol a cantidade de 25 000 pesetas para a construción dunha escola de ambos os sexos nun lugar céntrico, que debía denominarse «Vicente Casavella».

Vicente Casavella, sen dúbida un dos persoeiros máis importantes do municipio, naceu o 2 de xullo de 1840 no barrio do Candedo (Ourol), no seo dunha familia moi pobre. Sendo moi novo tivo que emigrar a Cuba. Contan algúns veciños que mesmo entre os emigrantes de Ourol se fixo unha colecta para comprarlle roupa e zapatos para a viaxe. Alí traballou nun primeiro momento como carboeiro e logo pasou a ser propietario do seu propio negocio. O feito de non saber ler nin escribir fixo que pasase moitas dificultades, motivo que o levou a promover a creación de escolas na súa parroquia natal, xa que o seu principal desexo era que ningún neno ou nena quedase sen unha educación elemental.

Regresa a Galicia convertido nun indiano e pasa a vivir na cidade da Coruña. Alí morre o 27 de xullo de 1900. No seu testamento deixou estipulado un legado de 25 000 pesetas para a construción dunha escola para nenos e nenas na súa parroquia de Ourol. O edificio escolar debía construírse nun lugar céntrico da parroquia co fin de que fose compatible coas comunicacións e estivese próximo aos demais centros de poboación. A escola pasaría a ser propiedade da parroquia de Ourol. Doutra banda, xunto co seu afán por asegurar unha educación para os máis pequenos, Vicente Casavella tamén se preocupou polos máis pobres e deixou unha cantidade de diñeiro que debería ser repartida entre os máis necesitados.

Estilo arquitectónico: Eclecticismo

Características:

Edificio rectangular, con dúas plantas, construído coa finalidade de servir de centro de ensino primario, vivenda dos/as mestres/as e capela. Na fachada principal destacan o número de fiestras con marco e soleira, os balcóns de reixa, así como as cinco portas de acceso, sitas na planta baixa. Os revestimentos exteriores están pintados de distinta cor e amosan a estrutura do edificio: unha imposta que separa os dous andares, unha cornixa, un baseamento e dúas bandas verticais que diferencian o corpo central dos laterais e proporcionan verticalidade ao conxunto. O corpo central está rematado por unha especie de templete, que está enmarcado con catro pilastras e uns pináculos como elementos decorativos e que contén no seu interior un reloxo e unha campá. Na actualidade, nesta fachada tamén está o escudo municipal e unha inscrición que nos indica a nova funcionalidade do edificio: «Casa do Concello».

Fontes:

Bores Gamundi, Fernando (coord.) (2000): Casas de indianos, Santiago de Compostela, Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, Xunta de Galicia.

Prieto Prieto, Verónica (2011): Ourol. A nosa historia, Ourol, Concello de Ourol.

Prieto Prieto, Verónica (2015): Ourol. Anacos da nosa historia, Ourol, Concello de Ourol.