Roteiro Ares indiano

Ares lembra a súa historia compartida con América. Os aresáns emigraron principalmente cara á illa de Cuba, onde se dedicaron á pesca, pero tamén á construción, ao comercio e á fabricación de carbón.
Sen esquecer a súa terra, mandaron remesas que axudaron ao desenvolvemento económico e educativo da vila natal. Moitos conseguiron retornar. Os que acadaron fortuna, os indianos, deixaron ademais a súa pegada na arquitectura da zona construíndo as vivendas á maneira das que tanto admiraran na súa experiencia americana. Como símbolos de ascenso social e económico mandaron construír casas grandes, luminosas, elegantes, con grandes comodidades e servizos, con motivos decorativos modernistas e xardíns con árbores americanas.
Ares é un dos concellos galegos nos que máis abundan e mellor se conservan estas construcións, as chamadas casas indianas, tanto vivendas particulares como edificios escolares financiados dende América como as escolas da Alianza Aresana, a escola da Tenencia en Caamouco, a de Seselle ou a de Cervás.

Especial "Ares indiano"

Indianos de Ares

Aresás e aresáns, como todos os emigrantes, viaxaban alén mar co soño de "facer as Américas", tal como lles oían dicir a veciños e familiares que os precederan na súa aventura transoceánica.
E aínda que a maior parte das persoas emigrantes non fixeron fortuna e encontraron ocupación nos diferentes oficios urbanos da cidade da Habana, principalmente no comercio, un pequeno grupo acadou o éxito económico e social ansiado. Nel podemos citar a Francisco Bello Casteleiro, dedicado ao negocio da pesca en Cuba, ou aos empresarios do sector do carbón Luciano Rojo López, Constantino Rodríguez Freire, ou Antonio Vilar; tamén dos negocios de ferraxería e distribución de materiais como Gaspar Vizoso Cartelle, socio de Segundo Casteleiro, donos da sociedade "Casteleiro e Vizoso, S. A.", ou a José López Martínez coa firma "Aspuru y Cia." e Nicolás López Cancela, propietario do "Sloppy Joe's Bar" entre outros.
Algúns retornarán de novo a Galicia, traendo a Ares as novas formas de vida que adquiriran durante a súa estadía en América, e aínda hoxe permanece a súa pegada na arquitectura, nos negocios e no imaxinario popular.

Quilómetros
Horas
1
Dificultade
A pe
Modo

Características


O Itinerario