Un percorrido coñecendo obra do escultor de cruceiros de máis sona.
Os cruceiros constitúen un dos monumentos máis sobranceiros do Patrimonio Cultural Galego e forman parte da identidade cultural que nos caracteriza como pobo diferenciado. Para Castelao, os cruceiros galegos son “a máis enxebre manifestación artística do noso pobo”. Temos que destacar que Galicia é o país do mundo con maior número de cruceiros, monumentos que, ademais, presentan unha grande variedade tipolóxica e cronolóxica. Dicía Vicente Risco que todos os cruceiros galegos se asemellan pero que todos se diferencian, o que vén a confirmar a teoría de que non hai dous cruceiros iguais, incluso entre os realizados por un mesmo canteiro ou santeiro, pois en cada un podemos atopar trazos distintivos. Polo que respecta á súa cronoloxía, en Galicia podemos atopar cruceiros que van dende o século XIV ao XXI, pois na nosa terra o costume de facer e poñer cruceiros segue vivo.
Co obxecto de dar a coñecer os nosos cruceiros, o Consello da Cultura Galega e a Asociación de amigos dos cruceiros, cruces de pedra e petos de ánimas, presentan esta serie de roteiros para animar a todas as persoas interesadas no noso patrimonio, a coñecer e visibilizar estes monumentos senlleiros, que, lamentablemente e na maioría dos casos, ou pasan desapercibidos ou son pouco valorados.
O segundo xoves de cada mes publicarase un novo roteiro que permitirá coñecer a diversidade territorial, xeográfica e artística destes monumentos emblemáticos.
Quilómetros
Horas
Dificultade
Modo
Características
Ignacio Cerviño alzouse coma o escultor de cruceiros con máis sona de Galicia dende que nos últimos anos se lle atribuíu o famoso cruceiro do desencravo do Hío (Cangas), feito en 1872. Varios cruceiros del se atopan en tres concellos limítrofe. Isto permítenos un percorrido de poucos quilómetros por tres das súas obras, moi distintas na súa concepción, e valorar as súas diferentes maneiras de interpretar a pedra, dependendo, loxicamente, do orzamento que lle destinaban. A primeira é un desencravo sobre o portón dunha finca particular, que nos traslada automaticamente ao famoso do Hío, e do que nnha ollada apresurada non seremos capaces de apreciar diferenzas significativas. O segundo é un cruceiro magnífico, probablemente o máis grandioso na súa concepción de todos cantos realizou o mestre, mentres que o terceiro, humilde, na cima de un outeiro, nos retrotrae ao grande congreso xubilar de carácter extraordinario levado a cabo polo papa León XIII con motivo do cambio do século XIX para o XX.
Texto e fotos: Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez