Murguía dixo del: “O primeiro e o mellor”. Antolín Faraldo, líder indiscutible da revolución de 1846, iniciou o camiño cara ao autogoberno. A través das rúas de Compostela coñeceremos anacos dunha apaixoante vida revolucionaria.
Con motivo do peche do Ano Faraldo, no que se conmemora o 200 aniversario do nacemento do xornalista e político galego, presentamos este roteiro, autoría de Xurxo Martínez González (Coia-Vigo, 1984).
Doutor cum laude en Filoloxía Galega pola Universidade de Vigo e premio extraordinario de tese de doutoramento. Forma parte de grupos de investigación de varias universidades. Especialista no período do Rexurdimento, publicou distintos artigos centrados na socioloxía da cultura, prensa, literatura ou política galegas. Entres estes cómpre destacar os estudos biográficos sobre Juan Compañel ou Aurelio Aguirre, e os libros Galicia ante todo (Alvarellos, 2017), centrado en Antonio Neira de Mosquera, ou Querida liberdade (Alvarellos, 2022), dedicado a Antolín Faraldo.
Actualmente traballa como técnico de normalización lingüística no Concello de Redondela.
Sobre Antolín Faraldo
Antolín Faraldo naceu en Betanzos en 1822. Aos dez anos a familia trasládase a Compostela. Aquí residirá até a fin da revolución de 1846. Polo tanto, o período da súa formación e madurez. Malia estudar Medicina, Faraldo axiña se incorporou á prensa. En pouco tempo converterase nun dos máis polémicos e activos propagandistas. O provincialismo e o progresismo (inclído o feminismo) guiarán a súa acción pública. Esta manifestouse a través da prensa, da Academia Literaria (da cal foi cofundador), da militancia política e da oratoria. Porque Faraldo, segundo as crónicas coetáenas, foi un vibrante tribuno.
Co inicio da revolución de 1846 será nomeado secretario da Junta Superior del Gobierno de Galicia mais, en realidade, exerceu como líder malia a curta idade. A derrota, asinada co sangue dos Mártires de Carral, levárono ao exilio portugués. Tras pasar por prisión en Peniche, residirá uns meses en Lisboa para regresar en 1847 sob pena de “non residir en Galiza”. A partir de entón, sostendo o compromiso político co pobo galego, vivirá lonxe da terra. Primeiro en Pozoblanco (Córdoba), onde traballará no negocio de Vicente Manuel Cociña, e despois en Madrid. Na capital española será vítima da censura do Vaticano e do Goberno. Os últimos anos, xa como redactor de La Nación (órgano central do Partido Progresista), proseguiu co seu combate democrático. O último acto público no cal participou foi unha xornada a prol das familias galegas que padecían a fame de 1853. Por mor da doenza trasladouse a Granada para recuperarse pero alí atopou a morte. E nunca regresou á patria.