Non hai nada que mellor defina o noso pobo que o seu carácter emigrante. As pegadas da emigración aínda persisten hoxe nas casas de estilo colonial, que sen dúbida conforman un riquísimo patrimonio arquitectónico, coas súas singulares e elegantes formas; nas numerosas escolas que financiaron os emigrantes, presentes en cada unha das parroquias do concello; e nas lembranzas de moitos veciños que tiveron que saír fóra para buscar un futuro mellor. Países coma Cuba, Porto Rico, A Arxentina, O Uruguai… acolleron os nosos emigrantes, e neles conseguiron prosperidade económica pero tamén acceso á cultura e á educación. Nestes lugares os galegos comezaron a fundar asociacións como Vivero y su Comarca, tan importante no devir da súa veciñanza na comarca mariñá.
Os cartos comezan a chegar a Galicia e empréganse para a compra de terras e a construción de estradas, pero sobre todo para a construción de escolas de educación primaria, coa finalidade de erradicar o analfabetismo nas súas zonas de influencia. Xunto a todas estas obras, outro aspecto destacado no que se vai reflectir o ascenso social e económico do emigrado e retornado indiano é a súa vivenda. Nalgúns casos trátase de remodelar a casa autóctona aumentando metros, subindo alturas ou incluíndo elementos de comodidade e hixiene, como por exemplo o baño. Noutros casos vanse construír grandes vivendas que lembran as casas americanas ou tamén os antigos pazos señoriais e que incluso os superan en grandeza e comodidade.
A ruta conta con dezasete recursos que forman o itinerario por Ourol: catorce casas, dúas escolas e o cemiterio indiano de Xerdiz.
Coñece con esta ruta unha parte imprescindible da historia da Mariña lucense, unha mostra do legado que o indianos deixaron en Ourol ao seu retorno de América. Este roteiro ofrece un percorrido polo patrimonio indiano máis destacado do municipio de Ourol. Trátase dunha proposta con dezasete puntos de visita que che permitirá coñecer, a través da arquitectura, unha parte imprescindible da historia da Mariña lucense: a emigración a América e o relevante legado cultural que os emigrados deixaron neste territorio.
Os textos foron elaborados con base na seguinte bibliografía:
• BORES GAMUNDI, Fernando (coord.) (2000): Casas de indianos, Santiago de Compostela, Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas, Xunta de Galicia.
• PRIETO PRIETO, Verónica (2011): Ourol. A nosa historia, Ourol, Concello de Ourol.
• PRIETO PRIETO, Verónica (2015): Ourol. Anacos da nosa historia, Ourol, Concello de Ourol
Sobre Concello de Ourol
A Ruta Indiana en Ourol foi posta en marcha polo Concello de Ourol co apoio da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Secretaría de Estado de Turismo, a Xunta de Galicia e a Mancomunidade.